domingo, 6 de mayo de 2012

ASEMBLEA NACIONALISTA E GALEGUISTA DA COMARCA DA ULLOA

Onte, día 5 de maio de 2012, constituíuse en Palas de Rei a Asamblea Nacionalista e Galeguista da Comarca da Ulloa, participando neste proceso veciños dos tres municipios que conforman a nosa Comarca (Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei). O principal obxectivo da Asemblea é a creación dun grupo de traballo a escala comarcal que funcione como axente activo no actual proceso político aberto dentro do nacionalismo e do galeguismo. Nesta liña, entendemos vital a construción dunha nova forza política que, sustentada nunha profunda base galeguista, traballe coa cidadanía e para a cidadanía, e que aspire a rachar coas formulas tradicionais que caracterizaron ás dinámicas políticas dos últimos tempos. Somos conscientes de que a meta estabelecida non é doada, mais, ao noso ver, o proceso aberto só será verdadeiramente exitoso se se acada esta fin. Así, entendemos que nos atopamos ante unha oportunidade única para o País de construír unha forza nacional e transversal coa que se poida sentir identificada a maioría social do noso Pobo.
Por outra banda, forma parte das nosas pretensións esenciais establecer dinámicas de traballo a escala comarcal dirixidas a favorecer o desenvolvemento da Ulloa, constituíndo para tal fin unha equipa de traballo duradeira e sempre aberta á participación de toda a cidadanía da Ulloa. Asemade, nos vindeiros días comezaremos a manter contactos con outros grupos de índole similar pertencentes a outras comarcas, coa finalidade de tecer unha rede que, abrollando dende a base, contribúa á construción da Galicia que todos arelamos. Cremos que outra Galicia é posible, cremos que outro mundo é posible, mais non van agromar por arte de maxia; iste é o reto que temos por diante e ao cal, dende as nosas humildes posibilidades queremos contribuír.
Continuaremos a informar das actividades que de agora en diante iremos desenvolvendo e animámoste a que participes da Asemblea. As formas de contribuír son múltiples dende o envío dun correo electrónico onde nos expoñas as túas ideas e opinións; até a participación activa nas diferentes accións, traballos e eventos que desenvolvamos.